No 2003 Javier Arnaldo comisariou unha exposición para a fundación Thyssen-Bornemisza que levaba o título “Analoxías Musicais”. Tiven a grande fortuna de poder ver esa exposición no seu día e incluso de facerme co seu marabilloso catálogo. Alí puiden contemplar obras dos expresionistas alemáns de principios do século XX. As que máis me impactaron foron as de Kandinsky. Non recordo ter visto, en vivo ningunha obra de Pollock, pero sempre me fascinou a onda da Action Painting e do Expresionismo Abstracto americano dos anos 1940-1960, non só polos resultados estéticos que lograron senón polo xeito tan musical de concebir o proceso creativo.
É por todo isto que frecuentemente fago exercicios de Action Painting cos meus alumnos nos cales teñen que plasmar máis ou menos libremente as emocións e sensaciónsque lles prducen determinados feitos musicais que eu xenero, ao mesmo tempo que tratan de axeitar ou sincronizar os seus trazos ao que acontece na música o que constitúe un gran exercicio para traballar a psicomotricidade fina e a empatía. No caso das imaxes que podedes observar tratábanse de consignas rítmicas.
A conclusión máis interesante que extraio deste tipo de actividades é que, cando máis pequenos e inexpertos son os alumos, máis variados e interesantes son os resultados. Se son nenos máis maiores e experimentados na música e nas artes plásticas, máis predecibles e homoxéneos son. A min este feito dame moito que pensar acerca do noso sistema educativo.
0 comments on “Analoxías musicais” Add yours →