Moi vencellada dende cativa á música tradicional como bailadora, cantareira e gaiteira, é Licenciada en Historia da Arte na especialidade de Historia da Música e Especialista en Música Tradicional Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e Diplomada en Educación Musical pola Universidade de Vigo.
Realizou estudos de linguaxe musical, técnica vogal e coro con Ramón Bermejo e harmonía moderna con Suso Atanes na Escola Estudio de Santiago de Compostela.
Asistiu a aulas con relevantes músicos e bailadores do panorama tradicional galego e estudou acordeón diatónico e música folque con Pedro Pascual na Escola Livre da Central Folque. Completou a súa formación como intérprete no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra con Paco Charlín e Abe Rábade.
Formou parte de diversos grupos de teatro da USC e asistiu a cursos de teatro na escola Espazo aberto con Carlos Neira.
Foi a acordeonista e cantante nos dúos de música folque Xonxas, con Lola García ao clarinete e Gema Pérez. Tamén realizou o traballo de musicalización xunto con Carlos Fandiño na obra da compañía de títeres A xanela do maxín, As aventuras de Gale.
Dende 2017, xunto con Vero Rilo, forma a compañía Rilo&Penadique, coa que ten realizado centos de actuacións por toda a xeografía galega e algúns lugares do resto da Península con espectáculos como O pozo das señoras, Arre ru, Caldo de Gloria, Fartura de Nadal, Contos con susto, A formiga no carreiro, Derriba da lúa, Arrolando as frores, Asdomare ou Triscus Beliscus. Ao longo da andaina con Rilo&Penadique adquiriu gran experiencia como creadora: escribindo contos, compoñendo músicas e adaptando letras.
En 2017 liderou como cantante Azul de Bueu, proxecto de fusión de música tradicional e jazz xunto con Virxilio da Silva (baixo e guitarras), Wilfried Wilde (guitarra), Xosé Miguélez (saxo tenor) e Iago Fernández (batería).
Co proxecto Oradaladou, xunto con Carlos Quintá realizou un traballo discográfico no 2019 que acompaña a reedición da Editoiral Galaxia da obra de Antonio Fraguas “Cantigueiro de Cotobade”.
En 2023 lanza o seu primeiro disco dirixido específicamente a infantes Os camiños de Dorothé, xunto con Virxilio da Silva e Xandre Outeiro. Trátase dunha compilación de cancións infantís extraídas do Cancioneiro Popular Galego de Dorothé Schubart e Antón Santamarina.
Na actualidade compaxina a súa actividade con Rilo&Penadique con proxectos propios como O chintófano de Dorothée Animais encantados, este último xunto con Chechu Riquelme.

